Thursday 09 de May de 2024

Avelino González trae este sábado a San Sadurniño os seus “Contos de contrabando”


“Contos de contrabando” é a historia de amor entre dous contrabandistas, el galego e ela portuguesa. Ambos desenvolven unha actividade comercial á marxe da lei, sen lincenzas, que discorre parella coa súa propia relación furtiva. Unha relación que tentan consumar como sexa, mentres lles pasan os días saltando fronteiras e saltando normas, tamén as da moral da época. Se o conseguen ou non sábese no final deste monólogo de humorístico que nos trae o actor Avelino González á Casa da Cultura este sábado 17 de decembro ás 19:00h. As entradas -a 5€ o prezo normal e a 2,50 o reducido- poden reservarse no 616 332 919 ou en agustin.perez@sansadurnino.gal.

O espectáculo vai contando a historia dunha muller e un home que viven o seu amor saltando dun lado a outro da raia entre Galicia e Portugal nos tempos en que o estraperlo era un arriscado medio de subsistencia.

Porén, os episodios vitais da parella adobíanse da man de González cunha chea de casos que lles van sucedendo, todos de moita risa e todos identificables polo público como parte da nosa cultura en épocas pasadas. Por iso, aínda que a obra é para público maior de 12 anos, serán quen teñan xa certa idade quen máis gocen das narracións.

O encargado de dárlle forma aos contos é un dos nosos actores máis reputados e con máis experiencia teatral. E é que Avelino González (Vigo, 1962), leva subido aos escenarios desde que tiña 18 anos e ten participado como actor, como director ou como adaptador en 15 montaxes de grande éxito, ademais de interpretar papeis en cine e televisión (Padre Casares, Cuéntame, Mareas Vivas, Seis hermanas, Hospital Central, Pratos combinados, etc.).

Como monologuista ten en carteira sete propostas, incluídas nas programacións das deputacións de Pontevedra e da Coruña (dentro da Rede Cultural), ademais de formar parte do catálogo do “Ler conta moito” da Xunta. “Non sei se conto monólogos ou monologueo contos. Gústanme as historias de soños cumpridos, de caña e coña, de paixón… Esa clase de historias fantásticas que nos poden pasar a calquera, vaia”.

Desas historias do cotián, encadradas neste caso na historia de amor de dunha parella de contrabandistas, poderemos desfrutar o sábado a partir das 19:00h na Casa da Cultura de San Sadurniño. As entradas teñen un prezo xeral de 5 euros ou de 2,50 no caso das persoas maiores de 65 anos ou que teñan entre 12 e 30 anos co Carné Xove. Poden collerse na taquilla ou reservarse tanto no teléfono 616 332 919 como no correo agustin.perez@sansadurnino.gal.